EA Access chegará a PlayStation 4 en xullo

martes, 7 de maio do 2019 Marcus Fernández

Cada vez son máis frecuentes os servizos de subscrición como alternativa aos produtos comprados en formato físico, e as apostas nesta dirección parecen estar a funcionar moi ben, de xeito que agora temos que EA Access, o servizo que Electronic Arts lanzou en 2014 para usuarios de Xbox One a través do que ofrecen máis dun cento de xogos por 3,99 euros/mes (ou 24,99 euros/ano), deixará de ser exclusivo da consola de Microsoft e o vindeiro mes de xullo dará o salto a PlayStation 4.
EA Access para PlayStation 4 ofrecerá unha enorme colección de xogos de Electrónic Arts como NHL19, NBA LIVE 19, MADDEN 19, Unravel Two, Burnout Paradise Remastered, Los Sims 4, Star Wars Battlefront II, FIFA 19, Battlefield V, Anthem, A Way Out, Titanfall 2 ou Mass Effect Andromeda, aos que se irán incorporando novos títulos paulatinamente. Como valor engadido tamén ofrecen acceso anticipado ás probas dos xogos de EA antes do seu lanzamento e un 10% de desconto nas compras dixitais de EA para PS4 (incluíndo xogos completos, pases de tempada, contidos descargables e incluso contido de Ultimate Team).
Segundo parece, o novo servizo será máis caro para PS4 que para Xbox One, de xeito que custaría 4,99 euros/mes ou 29,99 euros/ano.

Tráiler de presentación de EA Access para PS4

PUBLICIDADE