E-Dixgal vén este curso con máis contidos e máis centros escolares

luns, 9 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este mércores comeza o curso escolar e, alén das novidades naturais que se desprenden do inicio das actividades académicas (todas elas algo novo para as alumnas e alumnos), o curso vén con novidades tecnolóxicas. Estas foron dadas a coñecer hoxe pola conselleira de Educación, Carmen Pomar, xunto coa directora da axencia AMTEGA, Mar Pereira, no transcurso dunha xornada formativa con 400 coordinadores do proxecto E-Dixgal (o proxecto docente galego de coñecemento dixital). As novidades, segundo fixeron saber, teñen que ver cos contidos dixitais (que se incrementa), co Entorno Virtual de Aprendizaxe (EVA), que foi obxecto de melloras, ou co número de centros que se incorporan a E-Dixgal, que este ano son un total de 80.
As novidades tecnolóxicas foron debulladas por Mar Pereira, que puxo o foco no incremento de novos provedores de contidos curriculares, aos que se suman, por unha banda, os novos contidos SmartClasroom (que permiten aos docentes crear coñecemento personalizado e adaptado ás necesidades do alumnado); e, por outra banda, a Iniciativa DIXIT (na que a colaboración de empresas tecnolóxicas e docentes posibilita a creación de información educativa innovadora).
A directora de AMTEGA destacou tamén “a boa resposta” do Servizo de Atención Premium para familias, alumnado e docentes, que entrou en funcionamento o curso pasado con atención remota as 24 horas, presencial en máis de 60 puntos de atención e, tamén, no domicilio.
Polo que respecta ao número de centros educativos que se suman a E-Dixgal este curso académico, trátase de 80, tal e como lembrou a Xunta no mes de xullo, o que dá como resultado unha comunidade de 347 centros escolares abeirados á devandita iniciativa tecnolóxica.
O programa E-Dixgal impulsado pola Consellería de Educación e a axencia AMTEGA, púxose en marcha no curso 2014/2015 cun total de 84 centros educativos e 2.300 alumnas e alumnos na etapa de educación primaria en toda Galicia. Coas novas incorporacións a comunidade de centros adheridos ao proxecto chegará como dixemos a 347 centros de ensino e a 27.000 alumnas e alumnos. Os seus obxectivos fundamentais son transformar as nosas aulas tradicionais en aulas innovadoras e dixitais, coa colaboración de toda a comunidade educativa e de empresas da nosa terra, e loitar contra a fenda tecnolóxica que separa os núcleos urbanos de boa parte do rural.
O programa, que vai dirixido aos centros públicos que impartan ensinanzas de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO e que conten con aulas dixitalizadas, achega aos colexios unha manchea de materias de modalidade dixital (a totalidade das mesmas para os de Primaria, e media ducia de materias para os de Secundaria).
Os centros adscritos a este proxecto disporán “da conexión á rede axeitada e cos medios tecnolóxicos necesarios na aula”, así como para o profesorado e alumnado; e terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos de balde subministrados pola Xunta. Así mesmo, contarán con máis de 3.400 recursos do acubillo de contidos do espazoAbalar.

PUBLICIDADE