Duracell comercializa un cargador con batería

xoves, 15 de novembro do 2007 Marcus Fernández

O fabricante de pilas Duracell tamén pensa nos nosos trebellos electrónicos, polo que incorpora ó seu catálogo o Duracell PowerSource Mobile 100, que é unha solución de carga que subministra unha saída de corrente alterna e dous portos de carga USB de xeito que se poden empregar coma fonte de enerxía para cargadores ou directamente para dispositivos que permitan a súa carga por USB (coma moitos móbiles e reprodutores de MP3).
Esta fonte enerxética recargable mide 13,7 x 7,9 x 3,8 cm. e pesa medio quilogramo, podendo dotar de 2 horas de autonomía a un portátil, 18 horas a un móbil, 8 horas a unha consola portátil e unhas 96 horas a un reprodutor de MP3, de xeito que se converte nun interesante complemento para viaxes, xa que permite a carga de chismes electrónicos lonxe de enchufes de parede.
O prezo de venda estimado é de 139,99 dólares (aínda que nalgunha tenda xa se pode ver a 99,99 dólares).

PUBLICIDADE