DuoIn presenta en España un teléfono-auricular con deseño retro

venres, 19 de decembro do 2008 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía en todas as súas manifestacións non está ceiba dun compoñente de nostalxia. Ou mellor dito: o usuario de tecnoloxía, por moito que olle cara a adiante e se empeñen en facelo, está ligado de xeito irremediable aos aparellos do pasado. A fin de contas, aínda que as máquinas, os electrodomésticos e os trebellos en xeral sexan indiferentes, nós non o somos. Quen non lembra con saudade os coches da nenez? Quen non garda aínda na casa un vello tocadiscos, unha radio antiga ou un computador dos que se comezaron a vender de xeito masivo a principios dos anos oitenta? Precisamente, tentando aproveitar esta vea nostálxica do cidadán medio da Sociedade da Información, dun tempo a esta parte estanse a rexistrar un caso tras outro de recuperación de vellas feituras do pasado para a nova orde comunicativa do presente. Un exemplo disto é a liña de produtos que está a comercializar en España DuoIn e que consisten basicamente nunha aplicación á telefonía do espírito retro comercial. Os aparellos en cuestión, que aparecen referenciados en El Navegante, semellan feitos á medida de quen queira parar a máquina da evolución tecnolóxica pero sen parala de todo.
De feito, a empresa responsable do seu desenvolvemento estivo en boa medida atenta aos novos tempos: o teléfono Hulger con carcasa de baquelita non é outra cousa que un auricular para conectar o móbil ou ao PC.
O trebello, aparte de todo o devandito, semella ter vantaxes e desvantaxes, estas últimas admitidas pola propia firma fabricante e especialmente ligadas á escasa comodidade que achega para carretalo dun lugar a ouro igual que facemos decote cos móbiles. Ao seu favor, din os responsables do teléfono, non é preciso achegalo á nosa orella para empregalo, polo que nos estaremos coidando ben de non sermos sometidos ás hipotéticas radiacións emitidas por un dispositivo convencional.

PUBLICIDADE