Ducias de arqueólogos amosan en Compostela as súas experiencias coas máis avanzadas tecnoloxías

martes, 8 de setembro do 2015 Redacción

Compostela acollerá desde mañá a xuntanza anual da Aerial Archaeology Reserach Group (AARG), un acontecemento no que van participar máis de 75 investigadores de Europa e América amosando ao detalle os resultados dunha manchea de proxectos de investigación levados a cabo coa axuda das máis avanzadas tecnoloxías para a prospección arqueolóxico. Tecnoloxías como imaxes de satélites, drons ou escaneado de láser. Segundo informa a organización do encontro, é a primeira vez que os socios da AARG xúntanse na contorna estatal. A asociación, unha entidade fundada en 1983 no Reino Unido coa arela de promover o uso dos devanditos recursos avanzados na arqueoloxía, reúnese en Santiago da man do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), e co apoio da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia.
O evento arrancará ás 10.00 horas no centro cultural Abanca nun acto inaugural que contará coas intervencións de Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC), e Pilar Morgade Saavedra, directora da área de Programas da Axencia Galega de Innovación. Ao longo de tres días, máis de 75 investigadores de Europa e América presentarán os seus proxectos a través de comunicacións orais e pósteres a tempo que debaten sobre os novos avances tecnolóxicos e as súas perspectivas futuras. Entre os relatores estarán arqueólogos de universidades como as de Santiago de Compostela, Oxford ou Viena; de entidades como o Ludwing Bonzmann Institute for Archaeological Prospection e Virtual Archaeology e de organismos relacionados coa xestión do patrimonio como o English Heritage, a Royal Commission for the Ancient and Historical Monuments of Scotland ou o Instituto de Patrimonio de Noruega.
Entre eles, informa INCIPIT-CSIC figuran algúns dos expertos que “máis contribuíron ao desenvolvemento da arqueoloxía aérea en Europa”, como por exemplo Chris Musson, ou responsábeis de grandes proxectos europeos como Axel Posluschny, coordinador da iniciativa Archaeolandscapes Europe (na que participan preto de 30 universidades europeas), ou algúns dos investigadores máis punteiros no emprego das últimas tecnoloxías dixitais para a prospección arqueolóxica, como Michael Doneus ou Geert Verhoeven da Aerial Archaeology Research Group.
“Este encontro”, informa César Parcero-Oubiña, investigador do do CSIC no INCIPIT, “é unha excelente oportunidade para coñecer de primeira man o que se está a facer en diferentes partes do mundo con estas tecnoloxías e os abraiantes avances que están a supor para a arqueoloxía”.
Como dixemos, as sesións do encontro terán lugar no centro cultural Abanca (Praza de Cervantes) en horario de mañá e tarde. O programa desenvolverase ao redor de relatorios convidados a cargo de arqueólogos que desenvolven o seu labor en institucións académicas e empresas privadas e sesións temáticas acerca de tres grandes bloques: as novas tecnoloxías para a prospección arqueolóxica empregadas en proxectos de investigación realizados en lugares como España, Hungría, Alemaña, Estados Unidos ou o Himalaia; os avances técnicos en prospección arqueolóxica, e, por último, a utilidade destas tecnoloxías en lugares con importantes patrimonios arqueolóxicos en perigo por conflitos bélicos ou desastres naturais (Oriente Próximo, Norte de África, Nepal...).

PUBLICIDADE