Dr. Mario World estrearase en móbiles esta semana

luns, 8 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Continuamos a conta atrás cara o mércores, día no que chegará ás tendas de aplicacións móbiles Dr. Mario World, novo xogo de Nintendo que cun modelo de negocio free-to-play pretende enganchar a millóns de xogadores de todo o mundo de xeito que rematen gastando cartos para desbloquear elementos.
Aínda que faltan un par de días para que o novo xogo móbil de Nintendo vexa a luz, dende as publicacións especializadas norteamericanas xa tiveron acceso ao título que adapta un clásico de consola a dispositivos móbiles, e confirman que estamos ante un xogo que consegue conectar co usuario dun xeito semellante ao Candy Crush Saga pero cun acabado gráfico semellante ao Super Mario Run, no que teremos que resolver numerosos quebracabezas empregando un número limitado de pílulas, que poden adquirirse mediante diamantes, elementos que poden mercarse con cartos reais.
O xogo tamén parte con cinco corazóns, que irán perdéndose segundo vaiamos fracasando, sendo preciso contar cun corazón como mínimo para poder xogar no modo para un xogador (o multi-xogador non precisa de corazóns). Estes corazóns recargaranse con tempo ou pagando, ou sexa, que teremos o clásico modelo de negocio de pagar ou agardar para xogar.
Outro elemento que terá o xogo son as moedas, que conséguense dentro do xogo, e permitirán adquirir novos personaxes (doutores ou axudantes) con cadansúa vantaxe, de xeito que coleccionar personaxes non será só un obxectivo en si mesmo, senón que ter un bo cadro de personaxes tamén será importante para superar algúns retos.
En vista do que puido verse até o momento dá a impresión que estamos ante o que será un dos grandes éxitos do verán e, posiblemente, do que resta de ano, xa que este tipo de xogos, de estaren ben executados, tenden a manter usuarios enganchados durante meses.

JPEG - 175.5 KB
O novo xogo pode considerarse como unha mestura entre os gráficos de Super Mario Run e as mecánicas de xogo do Candy Crush Saga

Vídeo de presentación do xogo

Vídeo de presentación do modo multi-xogador

PUBLICIDADE