Dous proxectos tecnolóxicos representarán a Galicia na final do programa Talentum Startups

venres, 18 de outubro do 2013 Redacción

JPEG - 36.2 KB
Nuria Iglesias e Carlos Rosales representarán a Galicia na final de Talentum Startups

O proxecto Trend on me, da ourensá Nuria Iglesias, e keylessHome, do xienense afincado en Vigo, Carlos Rosales, ambos os dous estudantes de Enxeñaría Técnica Industrial na Universidade de Vigo, foron os dous proxectos seleccionados para representar a Galicia na competición nacional do programa Talentum Startups, que terá lugar o vindeiro 25 de novembro no Espazo Fundación Telefónica.
Valorados como os dous mellores traballos de emprendemento dos 6 presentados ao programa en Galicia, competirán xunto con outras 10 iniciativas de toda España por catro bolsas que lles permitirán continuar desenvolvendo as súas ideas.
Un sistema para abrir portas co móbil mediante tecnoloxía NFC e a primeira rede social de moda que une a blogeiros,
Trend on me aspira a converterse na primeira rede social de moda que sirva como punto de encontro entre usuarios, prescriptores e comerciantes, mentres que keylessHome propón unha novidosa aplicación para abrir as portas de casa co móbil e mediante tecnoloxía NFC, que achega ademais outros servizos como auditoria de accesos ou permisos temporais.
O programa Talentum Startups Galicia brinda a estudantes de enxeñaría, informáticos, programadores e desenvolvedores a oportunidade de desenvolver as súas ideas tecnolóxicas en ámbitos de alto emprendemento, ofrecéndolles ademais apoio económico e formación en habilidades empresariais, tecnolóxicas e sociais.
A nivel nacional, conta con máis de 260 universitarios que están a desenvolver os seus propios proxectos ou colaboran con startups de alta innovación tecnolóxica.
A Fundación Barrié trouxo este programa por primeira vez a Galicia, reforzando así a súa actuación na xestión do talento e complementando o seu labor por achegar ao sistema universitario galego novos modelos de xestión do talento e aumentar a visibilidade e atractivo da formación universitaria.

PUBLICIDADE