Dous mozos brasileiros casan en liña vía teleconferencia

venres, 11 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Se podemos casar debaixo da auga, como non facelo por Internet? Para algúns, a fin de contas, case semella unha consecuencia natural, e máis se o primeiro encontro tivo lugar en liña. Con todo, o caso de dous brasileiros afastados por unha chea de países postos en fila un tras outro é diferente. Do que se trataba é de aproveitar as vantaxes de comunicación (cada vez máis ampla e directa) da Rede para salvar distancias e levar a cabo o que máis ilusión lles facía: casar. A nova, que aparece estes días reflectida na Folha On Line, pon de manifesto que é posible ligarse en matrimonio unindo tres puntos xeográficos de outros tantos continentes: o xulgado de São Paulo en Brasil (que foi o centro de operacións), o domicilio do mozo, o publicitario Rafael Nunez Sá Freire (que vive en China), e o da noiva, a deseñadora gráfica Sara Stulz (que reside en Francia).
A voda en liña, que ten validez xurídica, precisou dun cuarto punto de conexión para materializarse vía teleconferencia: o que achegaron os pais de noivo dende Barcelona. Asemade, tamén houbo que botar man de certos recursos tecnolóxicos precisos para que a cerimonia se desenvolvese con fluidez abonda. Isto, sinala o devandito xornal brasileiro, veu da man de Skype. A unión civil foi rexistrada en Oasco, en São Paulo.

PUBLICIDADE