Double Fine volve a trunfar en Kickstarter

mércores, 5 de xuño do 2013 Marcus Fernández

O estudio de desenvolvemento de videoxogos Double Fine, liderado por Tim Schafer, conseguiu xuntar máis de 3 millóns de dólares para desenvolver unha aventura gráfica que levará por nome Broken Age (para a que só precisaban 400.000 dólares) converténdose nun dos meirandes éxitos da plataforma de micromecenado estadounidense Kickstarter, e agora que ese proxecto está a plena produción, empregando só á terceira parte do seu equipo, decidiron que un xeito de evitar ter que despedir persoal era emprender outro proxecto, de aí que volvan a recorrer a Kickstarter para financiar Massive Chalice.
A xogada non parece estar a ir mal, e nos poucos días que leva a súa campaña activa xa superou os 725.000 dólares que perseguía, polo que este xogo para PC de estratexia táctica nun mundo de fantasía épica verá finalmente a luz en setembro de 2014.
Massive Chalice desenvolveras empregando o motor desenvolvido por Double Fine (Buddha Engine), sairá para Windows, OS X e Linux e inspirarase en xogos como X-COM, Final Fantaxy Tactics e Fire Emblem no que a mecánicas de xogo se refire, collendo tamén influencias da serie de televisión Game of Thrones.
A cantidade mínima para poder facerse con este xogo a través de Kickstarter é de 20 dólares, existindo máis chanzos de colaboración, de xeito que por 75 dólares teremos a edición en caixa e por 10.000 dólares poderase incluso botar unha noite xogando á versión de taboleiro do xogo co equipo de Double Fine (incluíndo a Brad Muir e TIm Schafer).

Ao abordar un novo proxecto evitan os despedimentos no equipo de Double Fine

PUBLICIDADE