Double Dragon II terá remake para Xbox 360

martes, 26 de xullo do 2011 Marcus Fernández

O beat’em up de recreativas Double Dragon foi todo un éxito por permitir o xogo cooperativo, polo que tras o seu lanzamento en 1987 non lle faltaron conversións a múltiples plataformas (dende a NES ata a Atari Lynx) e unha secuela (Double Dragon II: The Revenge), que vai gozar dun remake en Xbox LIVE Arcade que destaca por contar desta volta con gráficos en 3D, o que supón un cambio estético moi pronunciado.
A nova versión do xogo levará por título Double Dragon II: Wander of the Dragons, conservará a mecánica do xogo orixinal e está a ser desenvolvido por Barunson. Contará cun modo historia (que soportará o xogo cooperativo) con 4 longos niveis nos que enfrontarse a numerosos xefes finais; aínda que tamén será posible gozar dun modo versus (no que enfrontarse a outros xogadores) e u modo supervivencia (que consistirá en manterse vivo o maior tempo posible mentres nos enfrontamos a infinitas vagas de inimigos).
Este título para Xbox 360 estará dispoñible en setembro por 1.200 puntos (14,40 euros).

JPEG - 140.2 KB
O novo Double Dragon conserva a mecánica, pero actualiza os seus gráficos á alta definición

PUBLICIDADE