Dota 2 supera os 18,8 millóns de dólares en premios para o seu vindeiro torneo

xoves, 28 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Dende hai anos o xogo Dota 2 destaca polo seu torneo The International, considerado como o grande referente mundial dos deportes electrónicos pola súa bolsa de premios, que en 2014 superara os 10 millóns de dólares, e o ano pasado chegou até os 18.429.613 dólares, marca histórica que vén de superarse, de xeito que para a vindeira edición a bolsa xa está en preto dos 19 millóns de dólares, confirmándose como o torneo máis lucrativo do sector.
O torneo deste ano iniciará as súas eliminatorias o 2 de agosto, para celebrar o seu evento principal entre os días 8 e 13, con 16 equipos enfrontándose nunha eliminatorio ao mellor de tres, rematando nunha grande final na que venderá o mellor de cinco partidas.
As enormes cantidades económicas que move este torneo veñen dunha fórmula bastante orixinal adoptada por Valve, compañía detrás do xogo que achega 1,6 millóns de dólares para premios, mentres que o resto de cartos chegan a través de achegas dos xogadores a través da adquisición de pases e niveis de xeito que teriamos unha estrutura moi semellante á do micromecenado, sendo o principal obxectivo incrementar o interese por unha competición electrónica sen parangón.

PUBLICIDADE