Distintas informacións apuntan a que Google podería ter o seu propio móbil en 2008

venres, 3 de agosto do 2007 Marcus Fernández

JPEG - 26.6 KB
Posible imaxe do móbil con Google integrado fabricado por LG

Google parece ter claro que os móbiles van supor un importante mercado para a publicidade no futuro, e así está a realizar fortes investimentos no sector e a pechar acordos con distintas operadoras de telefonía móbil coma T-Mobile, AT&T ou Verizon, aínda que en Europa xa hai tempo que moitas operadoras inclúen o acceso a Google dende o menú dos seus terminais ou dende os seus portais móbiles.
A todas estas negociacións haberá que sumar que Google podería dar servizos nunha nova rede sen fíos (baseada en WiMax) que está a construír Sprint en EE.UU., e o feito de que LG podería estar a preparar móbiles coa marca de Google (de xeito que estarían preconfigurados para o uso do popular buscador) aínda que temen que outros fabricantes de terminais fagan o propio con buscadores alternativos. Rumoréase que Google está a amosar un prototipo de LG para a súa comercialización por parte das distintas operadoras de telefonía.

JPEG - 31.4 KB
Algúns deseños do Gphone que se ven na Rede son moi atractivos

O fabricante HTC tamén se comprometeu con Google para ter un móbil baseado en Linux listo a primeiros de 2008, polo que o panorama parece estar moi concorrido, e todo apunta a que Google pretende lanzar a súa propia liña de terminais para os que se adaptarían tódolos seus servizos (dende o buscador web ata os mapas), agardando que tódalas operadoras de telefonía os comercialicen, aínda que tamén se afirma que os prototipos que está a amosar Google non resultan tan revolucionarios coma o iPhone e mesmo ven con escepticismo o negocio do móbil que parece procurar Google.
¿Chegará pronto o móbil de Google (que algúns xa chaman Gphone)? ¿Será un produto revolucionario? Ata o momento todo son rumores e poucas cousas se poden concretar, pero se 2007 foi un ano marcado polo lanzamento de 2007 todo parece indicar que Google quere ser quen marque a diferenza en 2008.

PUBLICIDADE