Distinguido a nivel internacional un traballo do CiTIUS en IA

venres, 13 de setembro do 2019 Redacción

Un traballo de CiTIUS sobre sistemas intelixentes vén de ser recoñecido pola Asociación Internacional para os Sistemas Difusos (IFSA, polas súas siglas en inglés), que lle concedeu un dos tres premios internacionais IFSA Journal Best Paper Award. A contribución distinguida foi desenvolvida na súa integridade no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) e, a través dela, os científicos do centro compostelán abordan o papel das descricións lingüísticas de datos na construción de sistemas de xeración de linguaxe natural.
Os responsábeis da IFSA (federación de asociacións formada por 16 sociedades científicas mundiais do ámbito da intelixencia computacional) enxalzaron a capacidade da proposta do CiTIUS para impulsar a interacción entre a Xeración de Linguaxe Natural, a Intelixencia Computacional e, ao abeiro desta última contorna, a Lóxica Borrosa (sistemas de conversión de datos a texto).
En palabras do investigador Alberto Bugarín, “nesta liña de traballo integramos dúas áreas científicas que até hai pouco eran practicamente unhas completas descoñecidas entre si: a comunidade de Intelixencia Computacional e a de Xeración de Linguaxe Natural”. Precisamente dentro desta última atópase a disciplina Datos a texto (Data to text ou D2T), na que os científicos do CiTIUS levan tempo traballando. Entre os seus exemplos de aplicación figura a ferramenta GaliWeather: un sistema de tradución automática de modelos numéricos a texto que dende hai anos está integrado na páxina web de Meteogalicia.
O tema foi tamén obxecto principal de estudo na tese do primeiro autor do artigo, Alejandro Ramos, que recibiu tamén numerosos premios nos últimos anos, entre outros, o Best PhD Award a nivel europeo e o Premio Nacional de Investigación SCIE - Fundación BBVA.

PUBLICIDADE