Dispoñible en Android Market un dicionario galego para usar no móbil

venres, 25 de novembro do 2011 Raquel Noya

Captura de imaxe da aplicación para Android DicionarioGalego

A mediados deste mes de novembro, os emprendedores Sabela Barreiro (deseñadora gráfica freelance) e Xurxo Méndez (Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC), presentáronnos unha peculiar ferramenta deseñada para móbiles con Android coa que podiamos conxugar os verbos que quixeramos correctamente na nosa lingua.
Falamos do Conxugalego, unha aplicación que causou furor entre a comunidade estudantil, á que lle acaba de “nacer” un curmán, o DicionarioGalego, que tamén está á nosa disposición no Android Market.
A nova ferramenta permite a busca no dicionario de calquera termo en galego que recolla o Dicionario da Real Academia Galega (na súa versión do 1997), aínda que os seus creadores están a traballar para poñer en funcionamento unha versión que traballe segundo as definicións do DRAG de 2003, o último.
Falando dos creadores da ferramenta, Sabela Barreiro e Xurxo Méndez, cabe dicir que se aliaron cun vello coñecido de Código Cero, o desenvolvedor galego Juan Porta, autor de ferramentas como a Extra! Extra! Portadas e Chove.
A aplicación está integrada coa nova versión de ConxuGalego, e permite buscar o significado dun verbo calquera para despois conxugalo, e viceversa.
As persoas interesadas en recibir máis información sobre estas ferramentas que poñen en valor o noso idioma, poden facelo vía Twitter, na páxina de Conxugalego.

PUBLICIDADE