Dispoñible a demo de Bayonetta

xoves, 3 de decembro do 2009 Marcus Fernández

O agardado xogo Bayonetta, que está a recibir tan boas críticas no Xapón, pode agora degustarse en Occidente grazas a que hoxe mesmo chegou ao Bazar de Xbox LIVE e á PlayStation Network a versión de demostración deste xogo para Xbox 360 e PlayStation 3 respectivamente.
No desenvolvemento do xogo estiveron involucrados os creadores de Devil May Cry e Resident Evil, polo que a ninguén debe sorprender un título de acción pura, con inimigos anxelicais, forzas malvadas e monstros xigantescos, que parecen deseñados para contentar ao público asiático, pero que tamén podería ser ben recibido en Europa, aínda que haxa que agardar ao 8 de xaneiro para poder mercalo por uns 65 euros.
Sorprende a data de lanzamento por parecer fixada xusto para evitar a tempada de Nadal, cando habitualmente a venda de xogos é moi boa, o que podería pretender evitar a competición con títulos coma Modern Warfare 2 e FIFA 10, aínda que tamén podería indicar a seguridade coa que lanzan este título.

PUBLICIDADE