Dispoñíbel unha ferramenta de balde para achegarnos ao enoturismo galego a través dos móbiles
mércores, 13 de febreiro do 2013
Turismo
de Galicia, Turgalicia,
presentou este mércores 13 de febreiro unha nova ferramenta para a
promoción do enoturismo e a enogastronomía botando man dun recurso
que se afianza cada vez máis entre os viaxeiros que percorren a nosa
terra: os teléfonos intelixentes. O
recurso dado a coñecer poderase descargar de balde, previa
introdución dos termos “enoturismo” e “galicia”, para
iPhone, trebellos con Android ou Blackberry. O servizo inclúe tres
linguas de uso, galego, castelán e inglés, e achega información de
utilidade subministrada polas asociacións
das Rutas dos Viños de Galicia, correspondentes a cada unha das
Denominacións de Orixe Protexida vitivinícolas galegas:
Monterrei,
Valdeorras, Ribeira Sacra, Ribeiro e Rías Baixas.
Os
datos, que foron complementados e avaliados en detalle por
Turgalicia, serven entre outras cousas para amosarnos en detalle as
características de cada D. O, dos contornos xeográficos que
abranguen e dos seus caldos.
- Capturas de imaxe da aplicación móbil nas súas versións para Android e iOS
Un
dos piares sobre os que se apoia o servizo é a tecnoloxía GPS que
vén inserida nos devanditos móbiles. Grazas a ela, achégase a
localización do usuario de xeito inmediato e exacto e, a partir de
aí, a dirección que ten que
tomar para chegar ao seu destino enolóxico ou enogastronómico,
“superándose
con isto as dificultades de sinalización dada a complexidade
xeográfica e orográfica do territorio”, sinalouse
na presentación do servizo,
no que participaron a secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro, e
máis a xerente de Turgalicia, Carmen Pita. Outra das características
da ferramenta na que fixeron fincapé é no proceso de optimización
informativa ao que está sometida de continuo. Así,
fixeron saber, “a
información actualízase en tempo real cada vez que se introduce
nova información na web de Turismo de Galicia, dado que esta
aplicación está deseñada para ler inmediatamente a información da
base de datos de Turgalicia, cousa
que
permite que as actualizacións sexan continuas e que a ferramenta
goce da axilidade e flexibilidade necesarias para afrontar os rápidos
cambios tecnolóxicos do sector turístico”. Segundo
explicou a secretaria xeral durante a presentación, “con
esta acción, Turismo de Galicia consegue situar á nosa comunidade
autónoma como unha das primeiras que deseña un proxecto de
promoción integral para o desenvolvemento de todo o noso sector
enoturístico usando as máis actuais tecnoloxías”.
Pulo
á
enogastronomía
Segundo
explicou Nava Castro, a iniciativa presentada insírese no
Primeiro Plan de Enogastronomía de Galicia, un programa de acción
que combina o pulo a nivel internacional do noso sector vitivinícola
e gastronómico. A
secretaria xeral tamén
salientou
a aposta pola Calidade Turística de Galicia e a súa incidencia no
eido enoturístico. “Ademais
de ser a Comunidade Autónoma Española na que máis medrou a cifra
de establecementos certificados coa Q de Calidade Turística e de ser
líder no sector de balnearios, turismo rural ou turismo activo,
somos tamén a primeira comunidade en certificacións Q de Calidade
Turística no sector do Turismo Industrial porque 9 das 11 adegas
certificadas de España co distintivo Q están en Galicia, o 81,8 por
cento”,
dixo.