Dispoñíbel no Portal da Lingua o primeiro dicionario galego-ruso

xoves, 29 de xullo do 2021 Pedro Pérez

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, achegou este 29 de xullo os detalles do que sería o primeiro Dicionario galego-ruso. Fíxoo nunha rolda de prensa na que participou o responsábel do traballo, Aleksandr Dziuba, profesor e auxiliar de conversa na Escola Oficial de Idiomas da Coruña. Trátase dun volume dixital que xunta case 11.000 lemas organizados por orde alfabética e que será obxecto de actualizacións periódicas até chegar ás 40.000 entradas.
Amais, nas edicións posteriores planéase incluír un apéndice gramatical que conteña toda a información necesaria para saber as regras básicas da lingua galega.
O novo dicionario está accesíbel de balde desde o Portal da Lingua Galega.
O Dicionario galego-ruso pretende ser a primeira tentativa dun gran dicionario entre estes dous idiomas que inclúa tanto o léxico normativo, recoñecido pola RAG, coma palabras e máis expresións que actualmente se atopan fóra da norma estándar. Un dos obxectivos principais é crear unha ponte directa entre as culturas galega e rusa, que permita facilitar o proceso de aprendizaxe de ambas as dúas linguas e o traballo de tradución de diferentes textos.
O autor, Aleksandr Dziuba, agarda que a publicación axude a aumentar a cantidade de traducións das obras literarios galegas ao ruso, “xa que a fermosa literatura multisecular galega merece moita máis sona no mundo non galegofalante, e ademais que provoque unha nova vaga de interese na cultura e lingua rusas entre os galegos e galegas e viceversa”

PUBLICIDADE