Dispoñíbel na web do Consello da Cultura Galega o libro de Xela Arias sobre a súa nenez

mércores, 5 de maio do 2021 S. P.

Xa está dispoñíbel na web do Consello da Cultura Galega o libro de Xela Arias coa que entidade conmemora este ano o Día das Letras Galegas, adicado á poeta de Sarria. O libro de homenaxe, de título ¡Non te amola!, foi presentado este 4 de maio. Segundo se fixo saber, constitúe unha mostra da contribución á narrativa de Xela Arias, que foi en boa medida poeta (de feito, ¡Non te amola! foi a única das súas incursións na narrativa). Na obra presentada, que non foi publicada en vida da autora, Arias ficciona boa parte da súa nenez e amosa unha biografía emocional dunha infancia que se proxecta na actualidade.
Participaron na presentación Rosario Álvarez, presidenta da institución; Darío Gil, fillo da homenaxeada; a profesora Ana Iglesias, autora do estudo crítico do texto; e Bea Gregores, responsábel das ilustracións da publicación. Todas coincidiron en salientar que o texto brinda “outras facetas menos coñecidas de Xela”.
O libro, como dixemos, xa se pode descargar de balde desde o sitio web do CCG.
O Consello da Cultura Galega fixo unha edición conmemorativa que conta cunha tiraxe limitada de 500 exemplares. O texto vén acompañado dun estudo introdutorio a cargo de Ana Iglesias, amiga persoal de Xela e profesora da Universidade de Vigo; e de sete ilustracións realizadas por Bea Gregores (Vigo, 1985).
Os 16 contos que compoñen esta obra foron escritos arredor dos anos 1990 ou 1991, cando Xela contaba con case 30 anos de idade. Sábese que lle deron unha subvención para publicalos (nos rexistros da Consellería de Cultura e Xuventude, consta unha resolución do 26 de xullo de 1991 pola que lle conceden 25 000 pesetas para a edición) pero decidiu que quedarían no ámbito familiar, renunciou á axuda e gardouno nun caixón, ata agora.
En preto de sesenta páxinas, Xela introdúcese como unha nena de nove anos e permite falarnos da súa familia, pero tamén dalgúns dos seus temas preferidos como a aldea, os medos, a vida ou “a educación, de como esta pode converterse nunha imposición, contra a que te podes rebelar ou tamén aprender a navegar” afirma Ana Iglesias.

PUBLICIDADE