Dispoñíbeis en liña os cinco audiovisuais da iniciativa Mulleres nas letras da Deputación da Coruña

xoves, 5 de agosto do 2021 S. P.

A Deputación da Coruña, a través da área de Normalización Lingüística, presentou este 5 de agosto cinco audiovisuais didácticos para coñecer as escritoras homenaxeadas no Día das Letras. O obxectivo destas contribucións é “promover a visibilidade das nosas autoras recoñecidas na festa do 17 de maio e profundar no coñecemento das súas obras e traxectorias”. Achénganse baixo o epígrafe Mulleres nas letras. De onte a hoxe.
A área de Normalización Lingüística e Igualdade da Deputación da Coruña, que xestiona a deputada María Muíño, vén de completar a totalidade dos recursos audiovisuais da iniciativa Mulleres nas letras. De onte a hoxe. Trátase de cinco micro-vídeos didácticos que xa están dispoñíbeis en liña para descarga libre para todo dipo de público, e nomeadamente para que “a comezos do vindeiro curso escolar, os centros educativos interesados poidan traballar especificamente sobre a figura da muller escritora e a súa visibilidade ao longo da historia”, sinalou a deputada.
A campaña púsoxe en marcha en maio, na contorna do Día das Letras, co duplo obxectivo de homenaxear en poñer en valor tanto obra como traxectoria das escritoras homenaxeadas como para visibilizar que en toda a historia do Día das Letras tan só foron cinco as mulleres escritoras homenaxeadas: Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007), María Victoria Moreno (2018) e Xela Arias (2021).
Así, o primeiro dos vídeos dos vídeos realizados foi o de Xela Arias, no contexto das actividades programadas pola Deputación da Coruña con motivo do Día das Letras deste ano, e nesta mesma semana subiuse o útimo, dedicado a Francisca Herrera Garrido, e completando a totalidade dos recursos. Os micro-vídeos están concibidos cunha estrutura de preguntas e respostas interactivas para achegar á xente moza contidos relacionados coa obra e traxectoria das cinco escritoras de xeito ameno e atractivo.
Os recursos están accesíbeis tanto no YouTube da Deputación coma no apartado de Normalización Lingüística da web da Deputación.

PUBLICIDADE