Dispárase o número de usuarios de Telegram en España

mércores, 5 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos días está a emerxer a aplicación Telegram como alternativa de peso ao WhatsApp Messenger, e tal está a ser o peso que está a adoptar esta solución de mensaxería instantánea que xa conseguiu acadar o sexto posto en descargas de balde en Google Play e primeiro posto en España na App Store, de xeito que non só superaría a WhatsApp nos dispositivos de Apple, senón que tamén sumaría máis descargas que o fenómeno dos últimos días: o videoxogo Flappy Bird, que continúa a liderar as descargas en practicamente todo o mundo.

Telegram Messenger lidera actualmente as descargas de balde para iPhone en España

Cómpre destacar que este fenómeno pode vir provocado pola atención que esta alternativa a WhatsApp está a recibir polos medios de comunicación nos últimos días, lembrando ao que aconteceu no seu momento con LINE e WeChat, que conseguiron rexistrar moitas descargas no noso territorio pero continúan a ter un uso real residual, estando moi lonxe de servir como alternativas sólidas a WhatsApp, e correndo o perigo de verse eclipsados en breve por Telegram, que parece estar a medrar a un ritmo moi rápido en España, chegando a rexistrar 200.000 novos usuarios españois ao día (ao que pode ter influído considerablemente o feito de que a aplicación para Android estrease versión en español a pasada fin de semana) o que resulta realmente impresionante se temos en conta que ata hai poucos días a aplicación só recibía 100.000 usuarios novos ao día en todo o mundo.
Os motivos que levan ao público a apostar por Telegram son moi variados, indo dende a filosofía libre que adopta a aplicación (é de código aberto) ata o feito de que non precise de subscrición (os seus responsables aseguran que non requirirá nunca o pagamento nin incluirá publicidade), pasando pola súa seguridade (as mensaxes transmítense encriptadas), a posibilidade de empregar a ferramenta dende o ordenador e incluso que marque cando unha mensaxe foi lida polo seu receptor (en vez de marcar cando se recibe, como fai WhatsApp).

PUBLICIDADE