Dispárase grazas ao medre dos smartphones o rexistro fotográfico dos principais acontecementos mundiais

xoves, 11 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

Se a fotografía está hoxe en día ao alcance de máis xente (moita máis xente) é por obra e graza dos novos móbiles de última xeración, ou sexa, eses smartphones en calquera das súas feituras que superan en calidade de imaxe aos restantes aparellos e, tamén, en índice de vendas no mercado (así se está a constatar este 2013, por vez primeira, tal e como se pode ver en diversas investigacións, como por exemplo o máis recente informe de iStockphoto). Polo tanto, que é o que temos? Pois unha cantidade de seareiros da fotografía dixital que non para de medrar cada ano, en boa medida porque a cámara (de calidade media para arriba) vai con eles a todas partes e todo apunta a unha mellora constante no adestramento de desenfundar e inmortalizar un intre. En termos concretos, falamos de 1.000 millóns de usuarios de smartphones, o que equivale a 1.000 millóns de fotógrafos espallados por todo o mundo.
Asemade, para completar a nosa visión sobre este fluxo constante de momentos concretos cara a Internet, o número total de imaxes na rede social Facebook é, a día de hoxe, 10.000 veces maior cá cantidade de arquivos fotográficos atesourados na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos. A maiores, en acontecementos de seguimento mundial como o paso do furacán Sandy, contabilizáronse en servizos como Instagram até 1,3 millóns de fotografías rexistrándoo e documentándoo, engadíndose unha frecuencia de 10 fotografías por segundo. A xuízo do devandito servizo iStockphoto, estamos certamente ante o “boom da fotografía social, onde cada día compártense millóns de instantáneas e vídeos capturados con teléfonos intelixentes, sen que sexa preciso revelalas ou imprimilas, e cunha calidade perfecta”. Esta revolución ou democratización da documentación visual é, engádese, “unha nova forma de rexistrar a historia cotiá con fotos de alta calidade, as cales, ademais, pódense actualizar de xeito inmediato en calquera rede social”. De feito, estímase que os usuarios de Facebook soben cada día uns 250 millóns de fotos.

PUBLICIDADE