Disney+ supera os 50 millóns de subscritores

mércores, 8 de abril do 2020 Marcus Fernández

O pasado 24 de marzo chegou a España, xunto a outros países europeos, o agardado servizo Disney+, e este servizo de vídeo baixo demanda, que como reclamo empregou promocións como inscricións a prezo reducido, está a ter un grande éxito inicial, xa que nos seus primeiros 5 meses de vida e con presenza en algo máis dunha ducia de mercados, conseguiu superar os 50 millóns de subscritores de pagamento.
A chegada de Disney+ a Reino Unido, Irlanda, Francia, Alemaña, Italia, España, Austria e Suíza supuxo un grande pulo para o servizo que a pasada semana desembarcou na India (onde está asociado a Hotstar, o que permitiu que sumase aproximadamente 8 millóns de subscritores rapidamente).
Aínda que hai quen pensa que a estrea de Disney+ en pleno confinamento por mor da COVID-19 puidese ser positivo, realmente é unha situación bastante comprometida, xa que en mercados como o europeo a compañía ten que reducir a calidade do vídeo para non conxestionar as redes de comunicacións, ao que súmase o feito de que os cines están pechados, o que está a levar a unha reestruturación do calendario de lanzamentos e incluso propiciará que algúns filmes vaian lanzarse directamente en dixital, ante a imposibilidade de estrealos en salas comerciais. Nos EE.UU. xa hai varios dos grandes lanzamentos da Disney que están dispoñibles en Disney+, aínda que en España tardarán algunhas semanas máis en estar dispoñibles, á vez que tamén contan cun catálogo de contidos moi superior, xa que hai numerosas producións que están pendentes de que Disney poida recuperar os dereitos de explotación (que estaban en mans de terceiros).
Polo momento resulta sumamente complicado facer un balance de Disney+ en España, xa que non publicaron a cantidade de subscritores no noso territorio, aínda non coñecemos como será o catálogo de contidos a longo prazo (especialmente porque as producións da Fox, que nos EE.UU. achegarán a través de Hulu, son toda unha incógnita no territorio europeo), nin sabemos das fiestras de explotación que aplicará aos novos lanzamentos; elementos todos que son cruciais para prever se estamos ante unha plataforma chamada a converterse en toda unha imprescindible, ou se simplemente quedará como un complemento de Netlfix, que só sería relevante para fogares con nenos ou para afeccionados de Star Wars ou da Marvel.

PUBLICIDADE