Disney+ incrementará considerablemente o seu catálogo e subirá de prezo

venres, 11 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Non parece haber dúbidas ao asegurar que Disney+, pese a ser unha plataforma audiovisual moi agardada, gañou a pulso o ser unha das grandes decepcións do sector durante 2020, xa que practicamente limitou as súas novidades á serie The Mandalorian, non chegando a estrear moitas das producións anunciadas para este ano e adoecendo da falta de novos filmes ante a súa ausencia nos cines.
Se a iso sumámoslle un fondo de catálogo no que resultaba inaceptable a ausencia masiva de contidos para adultos que eran propiedade da Disney e que carecían así dun fogar nas plataformas de streaming, tiñamos un panorama bastante escuro, que podía dar a entender que a longo prazo a plataforma podía fracasar.
Pero dende a The Walt Disney Company son conscientes da situación, e finalmente decidiron apostar por reforzar o catálogo dos seus servizos dixitais directos ao consumidor (Disney+, Hulu e ESPN+) para pasar dos 137 millóns de subscritores (dos que 86,8 millóns corresponderían a Disney+) a nivel mundial na actualidade a uns 300-350 millóns en 2024, para o que anunciaron un par de medidas moi significativas: engadir máis dun cento de títulos a Disney+ cada ano e lanzar unha nova marca, Star, para agrupar o catálogo de contidos para adultos da Disney, e que poderá contratarse de xeito conxunto con Disney+.
A integración de Star en Disney+ supón a incorporación de milleiros de horas de series e filmes de Disney Television Studios, FX, 20th Century Fox, 20th Television e outras marcas pertencentes á Disney, e como consecuencia de tal mellora do catálogo de Disney+, o servizo incrementará o seu prezo dos 6,99 euros/mes a 8,99 euros/mes (89,99 euros no caso de contratar o servizo anualmente).
Sobre o reforzamento do catálogo propio de Disney+ anunciaron numerosas producións para os vindeiros anos, como 10 series de Star Wars, 10 series da Marvel, 15 películas de acción real da Disney, así como o feito de que con Raya and the Last Dragon, a vindeira produción animada da Disney para pantalla grande, repetirán a xogada de Mulan e ofrecerana en Disney+ de xeito simultáneo aos cines como Acceso Premium (previsiblemente a un prezo de 21,99 euros).
Haberá que ver como reacciona o mercado a este reforzamento de Disney+, xa que en 2021 tamén veremos como HBO Max estenderase internacionalmente, dando a impresión de que a meirande parte dos xogadores do sector non queren permitir que Netflix manteña a súa clara posición dominante, e poidan conseguir consolidar posicións para facilitar a viabilidade das súas plataformas dixitais a longo prazo.

PUBLICIDADE