Disney+ incluirá Star no seu catálogo o 23 de febreiro

luns, 4 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

En decembro anunciouse que Disney+ tiña previsto incrementar o seu catálogo (e tamén o seu prezo) nunha xogada consistente en incorporar na plataforma un grande volume de contidos que deixaran fóra inicialmente en boa medida por estar dirixido a un público máis adulto.
Dende Disney+ España xa están a dar conta desta nova canle de contidos, Star, presentando parte dos seus contidos e anunciando que chegará aos usuarios o 23 de febreiro. Entre os contidos que chegará a través de Star estarían as series orixinais Big Sky e Love Victor, así como interesantes series de fondo de catálogo como Padre de Familia, Perdidos (Lost), Mujeres Desesperadas, 24, Cómo Conocía a Vuestra Madre, Prison Break, Hijos de la Anarquía, Anatomía de Grey, Scandal e Expediente X, así como as franquías cinematográficas de La Jungla de Cristal e Alien.
Este novo contido suporá un incremento do prezo mensual de Disney+, que pasará de 6,99 euros a 8,99 euros (89,99 euros de pagarse anualmente), e faise xusto cando a plataforma cumpre un ano do seu lanzamento español, o que podería dar a entender que a suba de prezos é demasiado brusca, xa que moitos subscritores déronse de alta por 59,99 euros/ano, ou sexa, que terían que asumir un incremento da cota anual dun 50%, sen a opción de manter Disney+ sen a canle Star para gozar dun prezo máis económico.

PUBLICIDADE