Disney faise co control de Hulu e AT&T prepara un novo servizo de vídeo baixo demanda

mércores, 15 de maio do 2019 Marcus Fernández

A compra da Fox por parte de Disney supuxo un cambio xigantesco no panorama audiovisual global, que podería inclinar decisivamente a balanza na guerra do streaming que está a desatarse e que previsiblemente provocará notables baixas entre este ano e o que vén por non ser o mercado capaz de absorber unha oferta tan atomizada. Como signos deste cambio temos que Disney xa non só terá a plataforma de streaming Disney+ (que verá a luz este mesmo ano) senón que Comcast, accionista minoritario de Hulu, vén de anunciar que chegou a un acordo co xigante audiovisual para cederlle o control operativo de Hulu de xeito inmediato.
Actualmente a filial de Comcast, NBCUniversal, conta co 33% de Hulu, pero con este acordo podería vender tal participación a Disney a partires de xaneiro de 2024 a un prezo que se axuste ao valor de mercado. O acordo tamén inclúe a ampliación da licenza de Hulu aos contidos de NBCUniversal até 2024 e a posibilidade de que Xfinity X1 poida distribuír Hulu tamén até tal data.
Aínda que Hulu ten licenza para os contidos de NBCUniversal durante un mínimo de 3 anos, o acordo conta coa posibilidade de que dentro dun ano NBCUniversal poida lanzar a súa propia plataforma de streaming, mediada coa que Hulu buscaría reducir os custos polas licenzas que paga á filial de Comcast.

Netflix perderá os dereitos de Friends

Pero esta non é a única nova relativa aos servizos de streaming, xa que o director xeral de AT&T declarou que está a traballar na recuperación dos dereitos das súas películas e programas de televisión para lanzar o seu propio servizo de vídeo baixo demanda, ou sexa, que podería explotar directamente os contidos de Time Warner xunto coa programación da HBO.
Cómpre lembrar que no catálogo da Warner Bros. están series como Friends, Seinfield ou The Big Bang Theory, o que podería ter un grande impacto en Netflix, xa que algunhas destas series son as que teñen aos seus subscritores máis enganchados, como demostra o feito de que a compañía pasase de pagar 30 a 100 millóns de dólares ao ano polos dereitos de emisión de Friends.

PUBLICIDADE