Disney Channel substituirá a Fly Music na TDT a partir do 1 de xullo

xoves, 29 de maio do 2008 Marcus Fernández

JPEG - 45.6 KB
Kim Possible e Hannah Montana son dúas das series que se poderán ver na nova canle de TDT

Trala súa entrada no accionariado de Net TV só era cuestión de tempo que a Disney dese o salto á Televisión Dixital Terrestre en España, e finalmente o cambio ten data fixada, e a partir do 1 de xullo a canle Fly Music abandonará a pequena pantalla para ser substituída pola canle temática Disney Channel, de xeito que a oferta televisivo infantil en aberto mellorará substancialmente.
Os cativos españois xa poderán sumarse a fenómenos televisivos coma Hannah Montana ou High School Musical sen ter que pagar por acceder a tales contidos (aínda que Disney continuará a ofrecer máis canles de pago coma Playhouse Disney ou Toon Disney), o que resulta unha boa nova nun momento no que a programación infantil está case ausente na grella de programación das canles de televisión analóxica, e que na TDT ten o seu refuxio.
O salto de Disney Channel á televisión en aberto pretende incrementar os ingresos por publicidade da compañía, que prometen ser mellores que os que se achegan a través de servizos de pago (en vista dos malos resultados económicos de Digital+). Dende a compañía aseguran que nos anuncios «non nos imos a limitar aos produtos puramente infantís, senón que, por suposto, haberá cabida para todo tipo de contidos familiares, que van dende os coches ata produtos para os avós».
Aínda así, os contidos da canle televisiva tamén cambiarán ao abrirse na TDT, o que levará a axustes para adaptarse á audiencia que vaian captando.
Algúns usuarios botarán en falta a desaparición de Fly Music da oferta televisiva en España, pero na situación actual (na que a metade da programación estaba composta por contidos de teletenda) estaba claro o desinterese de Vocento por manter un produto do que non foron capaces de tirar rendemento económico.

PUBLICIDADE