Discrepan sobre a consideración de que o xogo de Zelda é o mellor da historia

xoves, 5 de xullo do 2007 Marcus Fernández

O número especial da revista EDGE que percorría os 100 mellores xogos da historia parece estar rodeado de polémica, pois se ven os 10 mellores xogos gozaban do recoñecemento do público, cando se amplía a listaxe as discrepancias vólvense enormes, especialmente ó ver que títulos clásicos moi respectados (coma Tetris) aparecen en malas posicións. Mesmo algún crítico se lanzou á xugular dos responsables da revista afirmando que o xogo de Zelda que cualificaban como o mellor da historia non merecía tal recoñecemento, que debería recaer sobre Super Mario Bros.
Así pois podemos afirmar que a listaxe da revista EDGE é moi desigual, de xeito que os xogos das consolas están mellor valorados que os de PC, e as categorías se mesturan dun xeito nada claro, pois se ben comprar ós xogos de Mario ou Zelda son doados de ponderar, se os comparamos con Tetris ou Street Fighter II a confusión será absoluta.
Para sacar as nosas propias conclusións recomendamos consultar as distintas listaxes de mellores xogos que fixeron varias publicacións nos últimos anos, de xeito que teriamos que parece haber unanimidade ó considerar que o Super Mario 64 é o mellor xogo da historia, seguido de Tetris (posiblemente máis importante por ser o xogo adaptado a máis plataformas que se coñece) e, agora si, The Legend of Zelda: Ocarina of Time, empatando estes dous últimos xogos, ós que segue Street Fighter II (que tamén empata con The Legend of Zenda: A Link to the Past). Aínda que as distintas listaxes sexan moi diferentes, está claro que coinciden en recoñecer algúns títulos dos mencionados, polo que algo deben ter.
De tódolos xeitos hai que recoñecer que o público dos videoxogos afecta moito a estas listaxes, detectándose auténticos baleiros en períodos coma os anos 80 (que deron algúns dos mellores xogos que se coñecen, pero que só aprecian os que os xogaron no seu día, coma poderían ser Pac-Man ou Space Invaders).