Discos da Máquina: tres bandas galegas procuran novos usos das redes e xeitos de distribuír
xoves, 20 de decembro do 2012
Temos novo proxecto discográfico
galego e nova web de seu. Trátase de Discos
da Máquina, unha iniciativa autoxestionada polos membros das
bandas Ataque Escampe, Das Kapital e A Magnifique Bande dos Homes sen
Medo. O obxectivo destes grupos galegos, que este sábado celebran
cun concerto na Sala Capitol (Santiago) a posta en marcha do
proxecto, é recuperar cousas de antigo (o espírito das orquestras
populares galegas, por exemplo) e botar man de cousas moi novas (como
a autoedición e a autopromoción, a colaboración e distribución en
liña, a aposta polas licenzas abertas ou o aproveitamento real de
Internet, até agora “tan chea de cousas que é como estar en
ningures”, din os responsábeis do proxecto).
En certa maneira, a iniciativa
inspírase en parte en A Regueifa, o selo en liña galego do
que xa temos salientado a súa vontade de achegarse aos seareiros
pola vía de botar abaixo modelos de distribución preestablecidos.
Con todo, Discos da Máquina distánciase de calquera iniciativa
previa na súa procura dun modelo que sen ser selo discográfico, nin
ONG, nin empresa ao uso, nin “chiringuito”, sexa todo isto á
vez, e máis. Para achegarnos un pouco ao que se nos achega dende
Discos da Máquina, dicir que se trata dunha “asociación non
profesional de grupos musicais independentes aos que lles consta que
catro ollos ven mellor que dous e que para poderen seguir facendo o
traballo creativo con independencia é preciso asociarse para que o
outro traballo, o de xestión, o chungo, se faga máis soportábel”.
Así nolo contan. A súa actitude cara ás novas tecnoloxías é,
ante todo, ambigua. E probablemente non está mal que así sexa,
tendo en conta que nas TIC, iso xa o sabemos, non todo é útil e
fiábel. “Sabemos”, din, “que somos debedores delas,
que unha das condicións de posibilidade da nosa autoxestión é a
democratización dos softwares; porén, somos conscientes de que a
acumulación de materiais na Rede é unha arma de dobre gume e de que
aí fóra está, acaso máis que nunca, o mundo real... Por iso un
dos nosos propósitos é dar saída material a todos os proxectos,
por efémeros ou pequenos que poidan ser”. Polo tanto, que
ninguén se estrañe se se pon en xogo unha nova formulación do
concepto de redes, tirando proveito delas pero combinándoo todo coa
procura do directo e do contacto visual. Discos da Máquina é un
proxecto semiaberto para a incorporación de novas bandas e que
traballa, como se dixo, con licenzas abertas, tanto a nivel de
programas como de música propiamente dita.