Disco duro portátil que funciona como servidor multimedia sen fíos

mércores, 18 de maio do 2011 Marcus Fernández

Seagate presentou esta semana un disco duro externo de 500 Gb que chegará ao mercado en xullo a 199,99 dólares e que destaca por contar con conectividade Wi-Fi N, batería recargable e coa posibilidade de transmitir os contidos audiovisuais almacenados no seu interior vía web ou a dispositivos con iOS ou Mac OS X.
O Seagate GoFlex Satellite responde así á necesidade de ampliar a capacidade interna de dispositivos como o iPad, de xeito que será posible instalar nos dispositivos móbiles de Apple unha aplicación (chamada GoFlex Media e dispoñible na App Store dende o pasado luns) que accederá sen fíos aos contidos (vídeos, música, imaxes e documentos) almacenados neste disco duro portátil, sen ter que facer esta comunicación a través da Internet (xa que a comunicación Wi-Fi será local).
Durante o verán agardan ter xa dispoñible outra aplicación que permite o acceso aos contidos no GoFlex Satellite en dispositivos co sistema operativo Android, ampliando así o número de dispositivos dende os que poder aproveitar as prestacións desta unidade de almacenamento que tamén podemos conectar a un ordenador a través dun porto USB 3.0 (compatible con USB 2.0).

O disco duro portátil pode servir contidos a dispositivos como o iPad
O novo disco duro conta cunha batería que permite o seu uso en mobilidade

PUBLICIDADE