Disco duro multimedia con gravación e funcións de rede

martes, 16 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Os usuarios que teñan pensado mercar a medio prazo un disco duro multimedia deberían botar un ollo ao MvixPVR, que pese a que aínda non se publicou o seu prezo nin a súa data de lanzamento (que parece inminente) é un dispositivo moi completo e interesante, por combinar reprodutor multimedia con saída de alta definición, gravador de vídeo, base para o iPod e funcións de rede.
Este disco duro multimedia conta con saída de vídeo a 720p/1.080i (de xeito que reescala os nosos vídeos con calidade estándar para a súa visualización en televisores de alta definición), saída de son 5.1, porto HDMI, conectividade Ethernet e Wi-Fi (para funcionar coma disco duro en rede, servidor de ficheiros multimedia e incluso descargador de contidos de BitTorrent), USB 2.0 (o que permite ampliar a súa capacidade mediante discos duros externos ou a reprodución de contidos de memorias USB), euroconector, entradas e saídas por compoñentes e función de gravador de vídeo dende fontes externas (soportando gravación, time shift e algunhas funcións de edición).
O MvixPVR venderase con capacidades de ata 1 Tb e é compatible con Windows, Mac OS X e Linux, podendo cargarse os contidos no mesmo tanto a través de rede local como conectándoo ao ordenador por USB.

PUBLICIDADE