Disco duro en rede para servir contidos multimedia

xoves, 6 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Os discos duros en rede están a gañar peso no mercado ante a posibilidade de achegar os ficheiros almacenados nos mesmos a distintos equipos da rede local (ou incluso a compartir ficheiros a través da Internet), polo que os fabricantes teñen que buscar características diferenciadoras que lles permitan destacar para facelos atractivos, e así o LaCie Internet Space, que se vende en tamaños de 500 Gb e 1 Tb por 170 e 230 euros respectivamente, inclúe de serie compatibilidade uPnP e DLNA, ou dito doutro xeito, permite que os contidos audiovisuais almacenados no mesmo se poidan levar a reprodutores multimedia avanzados ou a consolas como a Xbox 360 ou a PlayStation 3, de xeito que se converte nun complemento ideal para levar os vídeos descargados da Internet ao televisor do salón.
Adicionalmente o disco duro de LaCie incorpora un porto USB 2.0 para poder conectar un disco duro externo (e poder facer copias no mesmo) e inclúe a aplicación informática DesktopMirror (para PC e Mac) precisamente para facer copias de seguridade.
O LaCie Internet Space ten conectividade Gigabit Ethernet, mide 117 x 193 x 45 milímetros, pesa 950 gramos e presenta unha aparencia bastante elegante que non desentoa xunto a moitos outros trebellos informáticos.

PUBLICIDADE