DigiTalent desenvolverá máis de 30 actuacións en 2019
luns, 17 de decembro do 2018
O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, estreará
tres iniciativas en 2019 con accións divulgativas para reforzar a imaxe dos
profesionais vinculados ás TIC, dinámicas de inmersión tecnolóxica e eventos
para potenciar o talento en torno ás novas tendencias dixitais. En total o Plan
sumará ata 33 actuacións, das cales 12 son lideradas integramente por empresas.
Entre as novidades de 2019 está a iniciativa do Grupo Kiom a
través das súas empresas Sivsa e Coremain que organizará talleres de ideas
combinados con demos e actividades lúdicas nas súas instalacións, que
permitirán a estudantes de 7-16 anos achegarse a proxectos relacionados con
ámbitos como o sanitario, o coche conectado ou os drons.
Televés porá en circulación unha unidade móbil equipada con
material de telecomunicacións e robots deseñados e fabricados pola empresa, coa
que visitará distintos centros educativos galegos para que alumnos e alumnas de
secundaria e bacharelato se familiaricen coas novas tecnoloxías, que se
complementará con visitas á fábrica.
Ademais, o Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio
(CEIN) de DXC Technology organizará no mes de febreiro o Hackaton Big Data
& Analytics, en colaboración coa Amtega e Meteogalicia. Un evento orientado
a unir a un equipo de analistas, universitarios, emprendedores e todo tipo de
persoas con inquietudes tecnolóxicas en Analytics & Big Data que competirán
durante dous días co fin de elaborar unha solución tecnolóxica que dea resposta
a un reto que se lanzará en xaneiro. O CEIN tamén ofrece asesoramento
especializado a titulados universitarios a través do seu programa“Observatorio
Tecnolóxico DXC”, desenvolvido conxuntamente coa Universidade de Santiago de
Compostela.
Espertar as vocacións TIC desde idades temperás
Tras o éxito do programa Tecnólogo por un día, con máis cun
cento de solicitudes. En febreiro do vindeiro ano abrirase o prazo para que
estudantes de 12-17 anos poidan a experimentar en primeira persoa un día de
traballo no marco das profesións dixitais. prazo para inscribirse na segunda
edición deste programa abrirase no mes de febreiro.
En decembro completáronse as prazas da primeira edición da
iniciativa GenTech, impulsada por Altia, que levará a partir de xaneiro unha
serie de talleres aos centros educativos nos que se presentarán proxectos de
base tecnolóxica para dar a coñecer as profesións dixitais a estudantes de
bacharelato.
Tamén a partir de xaneiro Iecisa desenvolverá DixiXogo, unha
serie de actividades e talleres lúdico-formativos nas que os nenos e nenas de
6-14 anos adquirirán habilidades dixitais a través do xogo, e os centros
educativos poderán inscribirse en DXC Codes, a fase local dunha competición
internacional de programación de xogos en linguaxe Scratch, organizada por DXC
Technology e dirixida a nenos e nenas de toda Galicia de entre 10-14 anos.