Diana Morant participou nun encontro co tecido empresarial amesán (e cos escolares)

luns, 29 de maio do 2023 S. P.

A ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, estivo o xoves pasado en Ames, co obxectivo de coñecer de primeira man a actividade do tecido empresarial do concello. Tras ser recibida polo alcalde, Blas García, e por unha ampla representación dos concelleiros e concelleiras que forman parte da Corporación municipal, visitou o Centro de Coworking A Proa, no Milladoiro.
A ministra, que estivo acompañada da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, participou nun encontro coas empresas amesás do sector da comunicación, innovación, tecnolóxico e audiovisual. Tamén conversou co alumnado e profesorado dos colexios que gañaron o concurso de Innovames 2022 para proxectos educativos innovadores (CEIP Barouta, CEIP Agro do Muíño e IES do Milladoiro).
A visita encadrouse na participación de Ames na Red Innpulso, xunto con outros 90 concellos de todo o ámbito estatal. Ademais, o municipio forma parte dos territorios locais recoñecidos como Cidades da Ciencia e a Innovación, do que tamén forman parte A Coruña, Santiago, Vigo e Ribeira.
Volvendo á estadía da ministra, Morant asinou no libro de honra do Concello de Ames e o alcalde entregoulle uns detalles pola súa visita o municipio amesán. De seguido, comezou un encontro sobre ciencia e tecnoloxía coas empresas amesás e especialmente con aquelas pertencentes ao sector da comunicación, innovación, tecnolóxico e audiovisual. En dito encontro tamén participaron representantes do tecido asociativo do concello e persoas que están emprendendo o seu proxecto no Coworking A Proa. Ao final do encontro os asistentes puideron conversar e realizarlle diferentes preguntas á ministra.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou que o encontro coa ministra de Ciencia e Innovación realizámolo no espazo colaborativo A Proa porque “é un centro referente que temos en Ames para proxectos de tecnoloxía e relacionados co audiovisual. Este centro conta con 36 postos de traballo, dos cales na actualidade están ocupados 23. Chegamos a ter 30 espazos ocupados. A través deste centro tratamos de darlle un impulso aos emprendedores/as que precisan un espazo onde comezar a emprender o seu proxecto”. Tamén dixo que Ames conta cun parque empresarial no Milladoiro cun polo tecnolóxico, de comunicación e audiovisual moi importante, con empresas que son punteiras a nivel mundial.
Morant destacou que Ames é un dos 90 municipios de toda España que forma parte da Red Innpulsa. Dos 8.131 municipios que existen en España tan só 90 teñen este recoñecemento, polo que lle deu as gracias ao alcalde amesán por apostar pola ciencia e a innovación porque xeran progreso. Ademais, explicou que o sector da ciencia e innovación está medrando e que na actualidade xa está xerando un de cada catro novos empregos que se crean en España. Un 25% dos novos empregos están relacionados coa ciencia e a innovación.
Tamén avanzou que estivo tratando co rexedor municipal a posibilidade de establecer un punto informativo no Coworking A Proa sobre as axudas do CDTI, que é unha entidade pública empresarial, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, que promove a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas españolas. É a entidade que canaliza as solicitudes de axuda e apoio aos proxectos de I+D+i de empresas españolas nos ámbitos estatal e internacional.
A dito encontro tamén acudiu o alumnado e profesorado dos colexios que gañaron o concurso de Innovames 2022 para proxectos educativos innovadores (CEIP Barouta, CEIP Agro do Muíño e IES do Milladoiro). Os representantes do Concello lembraron que primeiro premio, valorado en 1.500 euros, foi para o CEIP de Barouta polo proxecto Rego automático. O segundo premio de 1.000 euros recaeu no proxecto Aprendemos a toponimia de Ames a través do teatro, do alumnado do CEIP Agro do Muíño. O terceiro e último premio de 500 euros foi para o proxecto A son da dobraxe do IES do Milladoiro.

PUBLICIDADE