Dezaseis mozos de Ribadeo e Barreiros formaranse en dixitalización do patrimonio documental e natural

venres, 20 de agosto do 2021 S. P.

JPEG - 252.9 KB
Unha vista dos edificios históricos da praza maior de Ribadeo

O Consistorio de Ribadeo acolleu os días pasados a presentación dun obradoiro de emprego centrado en achegar oportunidades laborais para a mocidade no ámbito da dixitalización de documentos e a xestión tecnolóxica do patrimonio natural e documental. Trátase do obradoiro Territorio Vivo, no que participarán 16 mozas e mozos menores de 30 anos de Barreiros e de Ribadeo durante un ano.
No programa vanse impartir dúas especialidades: Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos e Interpretación e educación ambiental. No acto participaron os alcaldes de Barreiros e de Ribadeo, Ana Ermida e Fernando Suárez, e o concelleiro de Desenvolvemento Local ribadense, Pablo Vizoso, así como a coordinadora do obradoiro, Ana Vázquez.
Segundo fixo saber Vizoso, trátase dunha programación formativa integrada dirixida a obtención dun certificado de profesionalidade, o que “permitirá que o rematar a súa participación no obradoiro, os participantes estean en condicións de incorporarse ao mercado laboral".
Engadiu que o obxectivo principal é artellar un proxecto de xestión integral do patrimonio documental e natural que ámbolos dous concellos posúen, levando a cabo varias actuacións. Así, o alumnado/traballador da especialidade de gravación de datos seguirá coa organización, clasificación e descrición da documentación dos arquivos municipais, elaborarán un tesauro da serie documental Libros de actas e asociado a este, crearán unha ferramenta de busca avanzada mediante descritores que permitirá realizar buscas por palabras clave dende a páxina web do arquivo.
Amais, realizarán actividades de difusión do patrimonio documental: exposicións, visitas guiadas, etc, “coa finalidade de concienciar á cidadanía e á sociedade en xeral sobre a importancia e o servizo que prestan os citados arquivos”.
O alumando/traballador da especialidade de Interpretación e educación ambiental realizará visitas guiadas interpretadas a espazos naturais cun valor xeolóxico e medioambiental excepcional sitos en ámbolos dous concellos, encargaranse da programación e execución de obradoiros de educación ambiental para fomentar o uso racional dos recursos e o desenvolvemento sustentábel e implementarán estratexias innovadoras co uso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) coa creación dun centro de interpretación virtual do patrimonio natural.

PUBLICIDADE