Dez empresas galegas confirmaron a súa participación no Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC

mércores, 29 de xullo do 2020 S. P.

Estes días confirmáronse os nomes das dez primeiras empresas que que van participar directamente no Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC, o primeiro servizo que se vai poñer en marcha ao abeiro da transformación da Fábrica de Armas da Coruña en centro de coñecemento e innovación (unha transformación impulsada pola Universidade da Coruña, o Concello, a Deputación, o Clúster TIC Galicia e máis a Xunta). En concreto, o Centro de Servizos Avanzados contará coa participación das empresas tecnolóxicas galegas Altia, Aldaba, Cinfo, Xoia Software Development, Librebit, Visual Publinet, Dos Espacios, Imatia, Tecnoloxías Plexus e Itelsis. O pasado 29 de xuño, como lembraremos, o Clúster TIC xa confirmara a futura presenza na Cidade das TIC dalgunha destas empresas.
O Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC é un dos grandes proxectos aos que dará acubillo a nova andaina da Fábrica de Armas na Coruña. Será unha infraestrutura aberta que permitirá ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos acceder a recursos extra para desenvolver novos produtos. O obxectivo é que sexa o referente galego para a transformación dixital da nosa terra, un proxecto de colaboración público-privada para a creación de produtos e para trasladar eses novos produtos ás pemes.
O Clúster TIC Galicia é o promotor do Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC, que, cunha achega da Xunta de 4,82 millóns de euros, contará con catro laboratorios para a realización de probas e con espazos para aloxar empresas do sector.
O Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC contará con 4 laboratorios para a realización de probas e con espazos para aloxar empresas do sector. O Concello e a Universidade da Coruña colaborarán cedendo o uso dunha nave e habilitando os accesos e a Xunta achegará 4,82 millóns de euros para o proxecto.

PUBLICIDADE