Devolo estrea unha nova solución de conectividade baseada en PLC

venres, 19 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Para fogares e oficinas nas que as redes Wi-Fi teñen problemas de cobertura a tecnoloxía PLC supón unha boa solución para levar o acceso á Rede aos currunchos máis remotos valéndose da instalación eléctrica, o que normalmente limítase a configuracións de cable, pero algunhas solucións incorporan tamén Wi-Fi, á vez que conseguen velocidades tan elevadas como para facilitar o consumo de contidos de alta definición sen cortes, como o Starter Kit que este mes lanza Devolo por uns 160 euros, o dLAN 500 AV Wireless+ (establecementos en liña como Amazon xa o teñen á venda).
Esta solución conta con 2 elementos: un emisor PLC cun porto Ethernet que podemos conectar ao noso router, e un receptor PLC que conta con 3 portos Ethernet (o que facilitará a conexión de varios equipos ou de dispositivos como consolas de videoxogos e televisores) e punto de acceso Wi-Fi N (que funciona nas frecuencias de 2,4 e 5 GHz). Ambos terminais teñen toma de corrente, para non inutilizar o enchufe no que se conecten.
O dLAN 500 AV Wilreless+, como ben indica o seu nome, permitiría unha transferencia de datos bruta de 500 Mbps a través da rede eléctrica, mentres que a través de Wi-Fi permitiría velocidades de ata 300 Mbps. Resulta ideal para salóns ou despachos que estean a certa distancia do router con acceso á Rede, e ao contar con Wi-Fi permite achegar o acceso á Rede non só a ordenadores, televisores e consolas, senón tamén a smartphones, tablets e outros dispositivos móbiles, o que supón un bo xeito de espallar a nosa rede local.

O dLAN 500 AV Wireless+ permite achegar o acceso á Rede onde non chega a cobertura Wi-Fi do noso router

PUBLICIDADE