Detidos dous hackers españois por atacar, entre outras, a web da NASA

xoves, 19 de xullo do 2012 Raquel Noya

A Policía Nacional vén de deter a dous españois de 20 e 23 anos expertos en informática que atacaron, entre outras, a web da NASA, a do Consello de Seguridade Nacional ou a de Telefónica.
Os hackers forman parte do grupo LatinHackTeam, unha rede de delincuentes que actúan a nivel internacional dende o ano 2008, e que teñen entre os seus obxectivos o ataque a institucións e organismos importantes de ata 58 países diferentes.
O grupo hacktivista, ao que se lle atribúen máis de 14.000 accións delitivas, ocupa na actualidade o cuarto posto no ranking mundial de ciberataques, segundo afirman no portal especializado na materia, Zone-h.
As detencións producíronse ano e medio despois de que os investigadores comezaran a seguirlle a pista a estes ciberdelincuentes, localizados en Madrid e Xaén, que participaron activamente en ataques á web do Instituto de Estudos e Técnicas Educativas e de Formación do Profesorado, á de Telecinco, á do BBVA ou á da Caixa Manresa, amais das citadas anteriormente.
No eido internacional tamén foron vítimas de LatingHackTeam organismos como os Ministerios de Defensa do Reino Unido e Francia, o departamento de Xustiza de Novo México en Estados Unidos ou universidades americanas como a de Berkeley.
Os seus ataques consistían, basicamente, en analizar e explotar as vulnerabilidades dos sistemas de seguridade, para logo cambiar o aspecto orixinal da web, deixando, no seu lugar, a firma do grupo e un texto reivindicativo para que o leran os usuarios.
Con estas intrusións ilícitas, ademais de comprometer a imaxe e o contido das entidades afectadas, os hackers poderían ter accedido a datos “sensibles” aloxados nos seus sistemas, como direccións de correo electrónico ou bases de datos con información privada.

PUBLICIDADE