Detallan na Coruña o desenvolvemento visual de El Parque Mágico

xoves, 4 de abril do 2019 Redacción

Mundos Digitales, en colaboración con U-tad e Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta en primicia unha sesión especial sobre a creación e desenvolvemento da película El Parque Mágico, a grande aposta para este ano de Paramount Pictures Animation cuxa estrea en España será o vindeiro 12 de abril.
O acceso será libre e de balde até completar a capacidade, previa retirada das invitacións no despacho de billetes da Sede Afundación da Coruña dende hoxe.
Os coruñeses Rubén López Ares, FX supervisor; Lupe Fernández, senior Lighting artist; e David Míguez, Rigging supervisor; xunto con Jorge Kirschner, Set & Props Modelling lead, son parte do equipo de Ilion Animation Studios que estará mañá a partires das 18:00 horas, na Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8) para falar do proceso de creación deste novo filme.
El Parque Mágico narra a historia dun abraiante parque de atraccións que esperta a imaxinación dunha nena moi creativa: un día máxico, mentres June vai polo bosque de camiño a casa, atopa un vello vagón de montaña ruso abandonado e monta nel para descubrir que está en Wonderland, un parque de atraccións que creará na súa mente e do que case non gardaba recordos. Todas as atraccións e personaxes cobraron vida, pero sen a presenza de June o caos ameaza con apoderarse do lugar, polo que a cativa terá que reorganizar Wonderland para que volve ser un lugar marabilloso.

PUBLICIDADE