Desvelan os xogos aspirantes ao Salón da Fama Mundial dos Videoxogos
venres, 7 de marzo do 2025
O Museo Strong de Rochester (Nova York) ten dende 2015 un Salón da Fama Mundial dos Videoxogos, no que recollen videoxogos de todo tipo (recreativas, consolas, de ordenador, portátiles e para móbiles) que conseguiran popularidade durante un longo período de tempo e conseguiran influír na industria dos videoxogos, na cultura popular ou na sociedade en xeral.
Esta selección de videoxogos está a ampliarse anualmente con 4 novos títulos (aínda que en 2024 foron un total de 5: Ultima, SimCity, Resident Evil, Myst e Asteroids) e agora das a coñecer a listaxe de 12 finalistas para a súa introdución en 2025 (Age of Empires, Angry Birds, Call of Duty 4: Modern Warfare, Defender, Frogger, Golden Eye, Golden Tee, Harvest Moon, Mattel Football, Quake, NBA 2K e Tamagotchi).
A selección deste ano destaca pola súa variedade de data e plataformas, de xeito que tanto podemos ver clásicos das recreativas como un dos xogos para móbiles máis populares de todos os tempos, pasando polo Tamagotchi, que conseguiu facer historia ao tender unha ponte entre os videoxogos e os xoguetes electrónicos.
Dos xogos que se incorporarán á colección permanente do museo, un escollerase mediante votación popular (que rematará o vindeiro día 13) e o resto responderán ás votacións dun comité de expertos de todo o mundo. As novas incorporacións anunciaranse o vindeiro 8 de maio.