Desvelan os catro xogos que se incorporan este ano ao Salón da Fama

xoves, 8 de maio do 2025 Marcus Fernández

O Museo Strong de Rochester (Nova York) ten dende 2015 un Salón da Fama Mundial dos Videoxogos, no que recollen videoxogos de todo tipo (recreativas, consolas, de ordenador, portátiles e para móbiles) que conseguiran popularidade durante un longo período de tempo e conseguiran influír na industria dos videoxogos, na cultura popular ou na sociedade en xeral.
Esta selección de videoxogos está a ampliarse anualmente con 4 novos títulos e, tras darse a coñecer en marzo a lista de 12 finalistas e desenvolverse os procesos de votación popular e votación por parte dun comité de expertos de todo o mundo, determináronse cales son os xogos que teñen a fortuna de incorporarse ao Salón da Fama Mundial dos Videoxogos.
A incorporación máis importante podería dicirse que é a do Tamagotchi, un produto de moda dos anos 90 que popularizou o concepto de xogo de mascotas virtuais, conseguindo vender preto de 40 millóns de unidades no seu primeiro ano, para máis adiante inspirar versións para consolas de videoxogos e dispositivos móbiles. Estamos ante un produto que foi moi influínte, conseguindo que o que para moitos era un simple xoguete sementase conceptos que logo deron pé a multitudes de xogos como Nintendogs e unha chea de xogos móbiles (preparando tamén o camiño para outros xoguetes electrónicos como os Furby).
Un título que se incorpora, sobre o que os xogadores de PC non teñen ningunha dúbida, é Quake, o xogo de acción en primeira persoa que innovou ao funcionar realmente en 3D en contrasto con Doom, que realizaba numerosos trucos para superar as limitacións técnicas dos equipos do seu tempo.
Os xogadores de consola tamén estarán máis que conformes coa incorporación de GoldenEye 007, o xogo para consolas Nintendo 64 inspirado no filme de James Bond protagonizado por Pierce Brosnan, é que foi non só un dos principais reclamos para a consola de Nintendo, senón tamén un título que sentou as bases de moitos elementos dos xogos de acción en primeira persoa, demostrando tamén que os FPS non tiñan que quedarse en PC e podían ter un oco nas consolas de videoxogos.
Completa os novos xogos no Salón da Fama todo un clásico, Defender, título que chegou aos salóns recreativos en 1981 como un xogo de naves de desprazamento horizontal que destacou pola súa extrema dificultade e complexo sistema de control, o que sorprendentemente resultou ser a chave do seu éxito, contando posteriormente con versións para os ordenadores persoais da época e converténdose no referente para todo un xénero de grande popularidade nos anos 80.