Desvelan os Xogos con Gold e de PS Plus de agosto

mércores, 28 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Tras meses nos que Microsoft deixaba bastante de lado os xogos mensuais para os subscritores de pagamento de Xbox LIVE o mes de agosto será por fin interesante á hora de comparar os xogos que ofrecen para consolas Xbox e PlayStation, xa que ambas plataformas apostan forte.
No caso de Xbox LIVE Gold temos que agosto comeza con Darksiders III, xogo de Xbox One que continúa a saga deseñada polo ilustrador de banda deseñada Joe Madureira, poñéndonos desta volta na pel de Furia, unha maga que se enfrontará aos Pecados Capitais na liña do que fixeron Guerra e Morte nas anteriores entregas. A este xogo seguirao na segunda matede do mes Yooka-Laylee, xogo de plataformas de mundo aberto que namorará especialmente aos máis pequenos da casa.
Como xogos retrocompatibles teremos Lost Planet 3 de Xbox 360, última entrega desta franquía que conta con modos multixogador; e tamén Garou: Mark of the Wolves, un clásico de loita 2D de SNK que supuxo a culminación da saga Fatal Fury en máquinas recreativas.
Pero a oferta de xogos para os subscritores de PlayStation Plus non queda atrás, tendo como prato forte Hunter’s Arena: Legends, título compatible con PS4 e PS5 que preséntase como un battle royale para 30 xogadores nun contorno de espada e bruxería no que os humanos loitan entre si e contra unha lexión demoníaca que asola o mundo.
Completan a este título o atípico xogo de acción Plants vs. Zombies: La Batalla de Neighborville e Tennis World Tour 2, ambos para PlayStation 4 e con propostas de acción directa que resultan ideais para divertirse en pleno verán. Cómpre salientar que o xogo de Plants vs. Zombies inclúe modo cooperativa a pantalla partida, mentres que o xogo de tenis tamén facilita retar a amigos en local, polo que ambos son grandes propostas para o período estival.

PUBLICIDADE