Desvelan as datas de lanzamento das distintas versións de Rise of the Tomb Raider

xoves, 23 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Unha das grandes baza de Microsoft de cara á campaña de Nadal é contar con títulos en exclusiva para as súas consolas de videoxogos, sorprendendo especialmente que conseguisen en primicia o xogo Rise of the Tomb Raider, que tal e como confirmaron no E3, durante este ano só estará dispoñible para Xbox One e Xbox 360, pero para evitar as sospeitas de xogadores que poderían pensar que a versión do xogo chegase a PS4 en febreiro ou marzo de 2016, dende Square Enix desvelan o calendario de lanzamentos do seu prometedor xogo de supervivencia e exploración.
Por unha banda confírmase que o 13 de novembro teremos Rise of the Tomb Raider para Xbox One e Xbox 360, pero adiántase que a primeiros de 2016 o xogo contará con versión para Windows 10 e Steam, mentres que a versión de PlayStation 4 tería que agardar un ano enteiro para ver a luz, de xeito que non sairá até a campaña de Nadal de 2016, para desesperación dos seareiros da franquía de Lara Croft que teñan unha consola de Sony.
Tras o reboot da saga en Tomb Raider, na nova entrega avanzarase na evolución do personaxe, que agora xa é toda unha aventureira na procura de antigos misterios que desvelar, que a levarán a percorrer distintas localizacións entre as que destacan remotas zonas de Siberia para atopar o segredo da inmortalidade antes que unha malvada organización chamada Trinity. Teremos así grandes momentos de acción, contornos de estética moi coidada que tamén agochan grandes perigos, brutais combates e a inevitable loita pola supervivencia, aínda que dando máis peso á exploración que na anterior entrega.

A exploración de Siberia levaranos a vivir grandes secuencias de acción


Vídeo co xogo en acción publicado co gallo do E3

PUBLICIDADE