Desvelan a conspiración que acelerou a morte do Internet Explorer 6

luns, 6 de maio do 2019 Marcus Fernández

Christopher Zacharias, quen entre 2007 e 2010 traballou como desenvolvedor web senior de Google, publicou unha entrada no seu blog persoal dando conta dunha conspiración para desfacerse do Internet Explorer 6, na que dende Google aproveitaron o forte crecemento de YouTube para minar a confianza no vello navegador web de Microsoft.
Zacharias recoñece que manter o soporte de Internet Explorer 6 era moi complexo e difícil, converténdose en todo un lastre que non podían soltar por contar o navegador web cun 18% de cota de mercado, e finalmente ocorréuselles un plan moi sinxelo consistente en engadir un banner sobre os reprodutores de vídeo de YouTube anunciando que YouTube deixaría de funcionar en Internet Explorer 6 en breve, e instando aos usuarios a migrar a outros navegadores para os que achegaban ligazóns.
Pero o abandono do soporte do Internet Explorer 6 non era certo, de aí que o texto incluído no banner fose impreciso (non indicaba datas), e este recadro informativo sobre os vídeos teríase publicado con certa autonomía por parte do equipo de YouTube, sen contar co debido asesoramento legal nin autorización dos seus superiores, de xeito que a acción foise coñecendo por parte do resto de persoal grazas á cobertura mediática que tivo que a segundo páxina web máis visitada do mundo decidise pechar as portas ao obsoleto navegador web de Microsoft.
Curiosamente, tras certas dúbidas iniciais por parte do equipo xurídico (que temía que a Comisión Europea puidese amosar reparos), o paso de instar aos usuarios a abandonar Internet Explorer 6 pareceu atinado, e dende Google Docs tamén implementaron un banner de seu na mesma dirección, ao que iríanse sumando máis produtos de Google, provocando que en cousa dun mes o tráfico de Internet Explorer 6 caese a pouco máis do 10%, á vez que o resto de navegadores medraban en cota de mercado. Temos así como un pequeno cambio realizado por un equipo de programadores tivo unha repercusión xigantesca na Rede, acelerando a caída no uso dunha aplicación que se convertera en toda unha rémora.

A incorporación do banner en YouTube supoxo unha pronunciada caída na cota de mercado do Internet Explorer 6

PUBLICIDADE