Desvelan a cantidade de RAM e as capacidades das baterías dos novos iPhone

mércores, 18 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Aínda que o habitual nos smartphones é que certas especificacións sexan coñecidas publicamente facilitando a comparación dos distintos modelos, no caso de Apple atopamos sempre certa opacidade, que non se resolve até que os produtos chegan ao mercado e os dispositivos poden analizarse compoñente a compoñente. No casos dos novos iPhone 11, información como a cantidade de memoria RAM e a capacidade das súas baterías eran unha incógnita, até que o regulador chinés TENAA publicou as fichas correspondentes aos novos móbiles, confirmando que teñen só 4 GB de RAM (moito menos dos até 12 GB que podemos atopar en terminais de gama alta con Android) e as capacidade nominal das súas baterías está en niveis moi modestos: o iPhone 11 tería 3.110 mAh (fronte aos 2.942 mAh do iPhone Xr), o iPhone 11 Pro tería 3.046 mAh (fronte aos 2.658 mAh do iPhone Xs) e o iPhone 11 Pro Max tería 3.969 mAh (fronte aos 3.174 mAh).
Desta información podemos deducir que a mellora da autonomía dos novos iPhone corresponde máis a un incremento real da capacidade das súas baterías que a unha optimización do seu uso, ou sexa, que por primeira vez Apple optou por colocar baterías de capacidades normais en vez de baterías con capacidades moi reducidas para conseguir terminais moi finos, respondendo a unha histórica demanda dos usuarios (que tradicionalmente acusan a baixa autonomía dos iPhone).
Nas últimas horas tamén publicaron un vídeo no que desmonta completamente o iPhone 11 Pro Max, amosando os seus compoñentes e confirmando o importante incremento da capacidade da súa batería.

Vídeo no que podemos ver o despece dun iPhone 11 Pro Max

PUBLICIDADE