Despega a quinta edición do festival galego de webseries, o Carballo Interplay

luns, 2 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana celébrase en Carballo a nova edición (a quinta) do festival Interplay de webseries, referente galego, estatal e internacional en materia de contidos dixitais e en todas as cousas que teñen que ver co audiovisual e a súa confluencia cos novos xeitos tecnolóxicos de facelo, distribuílo e, por suposto, velo. O certame, que non as proxeccións, comezou xa hoxe, coa presentación do mesmo e coa posta en marcha do Campamento Kamikaze, que converte a praia de Razo nun innovador e dinámico encontro de creadoras e creadores. O Carballo Interplay, que durará até este sábado 7 de abril, abranguerá tamén unha sección oficial con webseries de todo o mundo, xuntanzas, obradoiros, concretos, debates ou vídeo conferencias. A cita foi dada a coñecer polo alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro, que enxalzou o potencial do certame para situar Carballo no mundo. E tamén “para poñer o mundo en Carballo”.
Na rolda tamén participou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, que salientou “a perspectiva de xénero que ten o evento” e como este foi concibido (este ano máis ca nunca) para “reivindicar a figura da muller na Historia”, abranguendo a historia da tecnoloxía e da innovación. Esta vontade de visualizar o pulo creativo feminino percíbese en múltiples dos elementos que acompañan esta edición, por exemplo a imaxe gráfica do Interplay ou o propio programa da gala de clausura, que presentará a actriz e cómica Akira Valero co título Mulleres e tecnoloxía: unha unión imposíbel? A idea, segundo sinalou o edil, é reivindicar a figura de creadoras e investigadoras fundamentais para o audiovisual e as invencións técnicas que son habitualmente ignoradas: Hedy Lamarr (precursora da tecnoloxía móbil, GPS e Wi-Fi), Ada Lovelace (matemática e escritora británica), Alice Guy (primeira persoa en dirixir un filme de ficción), Ángela Ruiz Robles (inventora do e-book), Delia Derbyshire (pioneira da música electrónica), Margaret Hamilton (científica computacional, matemática e enxeñeira), Radia Perlman (percursora de Internet), Mary Allen Wilkes (enxeñeira programadora), Susan Kare (pioneira no deseño de interfaces de usuario) e Agnès Varda (cineasta cunha carreira dende a Nouvelle Vague ata a autoficción dixital).
Na cita cos medios tamén interveu Sonia Méndez, directora do festival, quen fixo un percorrido polo roteiro do programa do Interplay, que arrancou hoxe co Campamento Kamikaze, cuxo resultado, por certo, poderá verse con formato de webserie esta cuarta feira (mércores) ás 20.30 horas no auditorio do Pazo de Cultura. O día seguinte, 5 de abril, celebrarase unha xuntanza para profesionais (Día Pro) na que estarán presentes (partillando coñecemento e propostas) directivos e directivas de PlayZ (RTVE), Flooxer (Atresmedia), MTMAD (Mediaset), CRTVG, Vice, Globomedia, 2btube, Hitsbook ou Infomix. Os responsábeis destas compañías participarán nun networking con profesionais acreditados no que terán ocasión de coñecer máis de 32 proxectos.
María Yáñez, coordinadora de actividades do festival, destacou os esforzos do evento para pór en valor contidos da nosa terra, salientando o Premio a proxecto de webserie en galego, que o ano pasado gañou Hai vida en Bran?, a creación de Ángela Andrada cuxa estrea pechará a xornada do 5 de abril, xusto despois de que as propostas finalistas deste ano defendan os seus proxectos.
42 webseries
Até 42 webseries de todo o mundo compiten finalmente na sección oficial da quinta edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que repartirá máis de 5.000 euros en premios. Así nolo contaron os días pasados as principais impulsoras do certame, Sonia Méndez e Sandra Lesta, xunto co Concelo de Carballo, engadindo que a quinta edición do concurso elixiu (entre máis de 250 propostas chegadas de todo o mundo) un total de 3 propostas galegas e en galego, 12 do resto do ámbito estatal e 27 do resto do mundo.
Noutras palabras: os que acudamos ao festival, teremos a sorte e o privilexio de ver, dende o corazón de Bergantiños, achegas audiovisuais innovadoras (por formato, por contido) de Arxentina, Australia, Canadá, Chile, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Líbano, México, Nova Zelanda, Reino Unido, Suíza, Uruguai e, por suposto, España.
Cada unha das tres categorías repartirá 800 euros en premios. O xurado do certame estará composto polo guionista e realizador Carlo Padial, a crítica Desirée de Fez, o xornalista Iago Fernández, a actriz María Tasende, o guionista Óscar Cruz e a directora Anxos Fazáns. Ademais, o público decidirá cos seus votos (entre todas as contribucións) un premio de 400 euros e, por vez primeira nesta edición, un xurado novo entregará outro premio de 400 euros. Conforman este xurado a youtubeira Nuria Espasandín, o músico Cristian Andrade a ilustradora Laura Tova e o picadiscos e programador do Xiria Pop Maikel Pérez.

PUBLICIDADE