Derrúbanse as vendas de Wii U nos EE.UU.

venres, 15 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

NPD Group vén de publicar os datos de vendas de videoxogos do mes de xaneiro nos EE.UU. destacando especialmente as malas vendas da Wii U de Nintendo, que estarían por debaixo das 100.000 unidades, estimando dende Gamasutra que tal cantidade estaría entre as 45.000 e 59.000 unidades, moi lonxe das 460.000 do mes de decembro, polo que a situación da consolas doméstica de Nintendo parece crítica, dando a impresión de que non remontará as súas vendas ata que Nintendo publique os anunciados xogos de Super Mario, Zelda e Mario Kart para esta plataforma.
Pero as malas vendas da Wii U vense aínda peor se temos en conta que esta consola de nova xeración está a vender moi por debaixo da Xbox 360, que pese a que se espera que este ano estree sucesora, conseguiu colocar 281.000 unidades en xaneiro, presumindo dende Microsoft que a súa máquina conseguiu así liderar o mercado das consolas de videoxogos domésticas por 25º mes consecutivos, situación moi diferente á de mercados como o español, onde Sony aínda mantén unha boa posición.

PUBLICIDADE