Deputación, USC, CEL e Caixa Rural pechan fileiras arredor do CITT de Lugo

mércores, 23 de maio do 2018 Redacción

Caixa Rural e a Deputación de Lugo veñen de renovar o seu apoio á Universidade de Santiago cun novo convenio para investigación tecnolóxica. Este convenio, en termos máis concretos, diríxese a asegurar e garantir o traballo conxunto arredor do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía do Campus Terra (Lugo). A renovación do acordo foi formalizada hoxe polo presidente da entidade provincial, Darío Campos, o reitor da USC Juan Viaño, o director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Méndez, e o conselleiro delegado da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Eduardo Valín.
Darío Campos, na sinatura, explicou que na Deputación “estamos sempre a carón da Universidade, e hoxe estamos unha vez máis renovando este compromiso co desenvolvemento de actividades de investigación tecnolóxica, para o que este ano facemos unha achega de 9.500 euros, que se suman a outras colaboracións como o convenio para a promoción de Lugo como cidade universitaria, ao que dedicamos 350.000 euros, ou a creación da Granxa Experimental do Campus Terra, un ambicioso proxecto no que investimos máis de 1,3 millóns de euros”.
Pola súa banda, o reitor salientou “o importante cometido que está chamado a desenvolver o CITT no contexto do Campus Terra” e, máis polo miúdo, “na súa conexión coa contorna socioeconómica”. Viaño puxo o foco nun indicador que constata o bo funcionamento desta oficina universitaria: os máis de cinco millóns de euros xestionados en 2017 para actividades de I+D+i. Segundo lembrou, o convenio para o mantemento do CITT remonta as súas orixes a 1995. Ao fío disto, fixo público o seu agradecemento tanto ao persoal técnico que desenvolve o seu cometido no centro como ás entidades que apoian un convenio que conta cunha dotación orzamentaria de preto de 60.000 euros, dos que Caixa Rural Galega achega 50.000 euros e a Deputación de Lugo, 9.500.
As orixes
A finais dos anos 80, a USC creou no Campus de Santiago o Centro de Transferencia Tecnolóxica (CTT), apoiándose no Plan Nacional de Investigación que contemplaba a creación de Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigacións. No ano 1995, o Campus de Lugo demanda un servizo de transferencia tecnolóxica máis próximo. E é así como nace o CITT, que transfire os resultados das investigacións á sociedade á vez que fomenta a introdución de produtos ou servizos no mercado.

PUBLICIDADE