Denuncian un suposto fallo en Facebook que parece non ser tal

luns, 24 de setembro do 2012 Marcus Fernández

As mensaxes publicadas nos taboleiros de usuario hai anos están accesibles dende a Biografía agás que se indique o contrario

O diario francés Metro publicou hoxe que Facebook estaba a violar a privacidade dos seus usuarios ao amosar na súa Biografía mensaxes privadas dos anos 2007, 2008 e 2009, o que provocou numerosas reaccións en todo o mundo de usuarios indignados que parecen estar a padecer este suposto fallo, que dende Facebook aseguran que non é tal, xa que non estariamos a falar da publicación de mensaxes privadas, senón de mensaxes publicadas nos taboleiros dos usuarios, que no seu día perdéranse no tempo, pero que agora son doadas de localizar grazas ao novo sistema de amosar os perfís na plataforma creada por Mark Zuckerberg.
Pero algúns usuarios aseguran que as afirmacións de Facebook non son certas, e que algúns dos contidos que agora están visibles foran publicados en grupos privados no seu momento, algo que aínda non se constatou de xeito fiable e, de feito, dende Facebook están a investigar o asunto e non atopan ningunha evidencia que indique que non estamos ante nada máis que unha confusión ante o funcionamento da privacidade en Facebook, provocado en boa medida porque nas datas indicadas a mecánica do sistema era bastante diferente á actual (e era relativamente frecuente ver conversas que deberían ser privadas en anotacións dun taboleiro). Ao parecer, a polémica xurdiría hoxe porque é o día cando as Biografías de Facebook remataron o seu espallamento global despois de meses de implantación progresiva.
Os usuarios que teman poder padecer os problemas inxustificadamente denunciados deberían explorar o seu rexistro de actividade, para revisar os detalles da súa actividade e a súa configuración de privacidade, para comprobar se é visible algunha información que podían querer manter oculta.
Resulta un tanto sorprendente que, sen mediar ningunha evidencia do suposto fallo de seguridade máis aló dun artigo na prensa, dende FACUA-Consumidores en Acción se lancen a dar conta do escándalo e aseguren que van denunciar a Facebook ante a Axencia de Protección de Datos.

PUBLICIDADE