Denuncian que o iPhone 7 supera os límites de radiación establecidos legalmente

xoves, 22 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Aínda que non existen evidencias sobre o perigo das emisións dos nosos smartphones na saúde dos seres humanos, determináronse uns valores de radiación máximos como medida de seguridade, de xeito que ningún dispositivo comercializado legalmente debería superar certos parámetros, algo que puxeron en dúbida dende o Chicago Tribune, xornal que contratou a un laboratorio para realizar probas con varios smartphones concluíndo que o iPhone 7 non só superaba os niveis os máximos fixados legalmente, senón que chegaba a dobrar as emisións acreditadas ante os organismos reguladores.
Ante a alarmante descuberta, o Tribune decidiu someter a probas outras 3 unidades de iPhone 7 completamente novos, polo que daban por confirmados os seus temores. Nesta probas analizáronse un total de 11 smartphones de 4 compañías, das que só 2 discutirían os resultados, sendo Apple a marca que máis puxo en dúbida as probas realizadas pese a partir dun laboratorio acreditado no que, por outra banda, aseguran que o iPhone 8 non superaría os límites de radiación establecidos pola FCC, como tamén aconteceu con móbiles como os Samsung Galaxy S9, S8 e J3.
A Comisión Federal de Comunicacións (FCC), en vista desta información, anunciou que vai realizar as súas propias probas para comprobar se os móbiles respectan os límites establecidos por tal organismo.
Un detalle que salientan dende o Tribune é que na documentación que Apple achegou á FCC no seu día para poder comercializar o iPhone 7 recomendan que os usuarios manteñan o seu dispositivo móbil como mínimo a 5 milímetros do corpo, advertencia que non se realiza cando o produto se comercializa, o que tamén pode ser obxecto de polémica.
En calquera caso, continúa sen haber evidencias sobre os efectos perniciosos das radiofrecuencias dos móbiles en seres humanos, e non debería existir risco ningún incluso superando os parámetros de seguridade fixados (que son moi conservadores e están considerados como totalmente arbitrarios e innecesarios). A única precaución que poderían ter os máis temerosos sería a de non levar o smartphone no peto dos pantalóns, xa que estaría demasiado preto do corpo durante longos períodos de tempo (aínda que anos de experiencia levan a entender que esta práctica sería totalmente inocua).

PUBLICIDADE