Denuncian que a plataforma eDixGal tiña contidos plaxiados de libros de texto

mércores, 1 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Editores de libros educativos presentaron unha demanda contra a Xunta de Galicia por infracción de propiedade intelectual na plataforma ou ámbito virtual de aprendizaxe desenvolvida no marco do proxecto de Educación Dixital ao detectarse que “estaba a empregar sen autorización materiais educativos que eran copias maquilladas doutros desenvolvidos por materiais”. En concreto a editorial Oxford University Press detectou que o seu libro para o ensino da lingua inglés Surprise!, creado especificamente para os niveis de primeiro a sexto de primaria, e que “é un dos máis utilizados en centros concertados e públicos en España”.
En 2014 a Xunta puxo en marcha o proxecto Educación Dixital no que se incluía unha plataforma virtual de aprendizaxe chamada a substituír progresivamente os libros de texto, e que foi adxudicada a Netex Knowledge Factory para “desenvolver o contido curricular na plataforma virtual e poñela a disposición de alumnos e profesores ao comezo de curso” e, segundo a Asociación Nacional de Libros e Materiais de Ensino (ANELE) conseguiron facer tal “en tan só un mes e medio” cando normalmente proxectos das características de Surprise! Supoñen 3-4 anos de traballo.

A Xunta xa adoptara medidas o pasado novembro

Dende a Oxford University Press piden “a retirada dos contidos plaxiados así como a correspondente indemnización” como responsable dun “posible delito contra a propiedade intelectual” ao que dende a AMTEGA responden asegurando que abriron un expediente sancionador a Netex, á vez que detallan que cando souberon deste problema o pasado mes de novembro xa procederon a “remitir novos contidos para substituír os anteriores”.
Dende a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia matizan que “é o provedor o que ten que garantir o cumprimento da propiedade intelectual. No momento que se tivo a máis mínima sospeita de que iso non era así procedeuse á substitución de contidos e á apertura dun expediente sancionador á empresa”.

PUBLICIDADE